O Plan Avanza para o periodo 2009-2012 creará 200.000 empregos directos e indirectos

martes, 16 de decembro do 2008 Raquel Noya

O ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, vén de clausurar a presentación do Informe, A Sociedade da Información en España 2008, na sede de Telefónica en Madrid, onde resaltou a importancia do cambio no modelo produtivo, “pasando dun modelo curtoplacista a outro baseado no coñecemento e na produtividade a medio e longo prazo”.
Como exemplo deste cambio, Sebastián destacou as novas tecnoloxías e a Sociedade da Información e o Coñecemento, que nos últimos tres anos se acentuou “grazas ao esforzo do Goberno, Comunidades Autónomas, Entidades Locais, Entidades sen ánimo de lucro e empresas”.
Na súa intervención, o ministro fixo referencia aos tres anos de funcionamento do Plan Avanza para o cal se terán movilizados, antes de que remate o 2009, máis de 6.500 millóns de euros.
Os datos enumerados polo ministro en relación ao Plan Avanza resúmense nos seguintes puntos:
- Dende o 2004, España duplicou o número de internautas, acadando xa os 24 millóns de españoles.
- España é o país líder en penetración da banda larga móbil, triplicando case á media europea.
- O 92,14 por cento das empresas españolas xa contan con acceso a Internet de banda larga.
- A porcentaxe de servizos públicos básicos electrónicos totalmente dispoñibles na Rede é do 70 por cento fronte ao 59 por cento da media europea.
- A cobertura nacional da TDT acada practicamente o 90 por cento.

Sebastián lembroulle aos asistentes que, en breve, porase en marcha o Plan Avanza 2009-2012, para o que se conta con máis de 1.500 millóns de euros. O obxectivo deste novo proxecto será “dar un salto cualitativo” e facer de España “un país de referencia no ámbito das tecnoloxías, os contidos e as redes”.
O ministro sinalou, asemade, que o novo plan “permitirá crear preto de 45.000 empregos directos e indirectos anuais, o que supón uns 200.000 empregos de elevada cualificación nos vindeiros 4 anos”.
Por último, Miguel Sebastián resumiu os retos que abordará o Plan Avanza para o vindeiro periodo, entre os que cabe destacar “o peche da fenda dixital”. “a plena dixitalización dos servizos prestados polas Administracións Públicas” e “a mellora nos niveis de seguridade e confianza dos usuarios nas TIC”.

PUBLICIDADE