O Plan Aldeas Intelixentes recibiu case 170 propostas na convocatoria de consultas preliminares

luns, 27 de decembro do 2021 S. P.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural fixo balance da actividade xerada pola Consulta Preliminar ao Mercado do Plan Aldeas Intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles, enmarcado no concepto Smart Villages da Unión Europea e dirixido a crear unha contorna rural avanzada na que se potencien os grandes valores do territorio non urbano a través da presenza real e transformadora das novas tecnoloxías. Segundo indicou a entidade, este proceso rematou cun total de 168 propostas presentadas a través da páxina web oficial do proxecto.
O prazo iniciárase o pasado día 23 de novembro cunha xornada presidida polo conselleiro do Medio Rural, José González, na que se presentara a proposta Aldeas Intelixentes e os catro retos propostos para impulsar a innovación dos pequenos núcleos de poboación modelo de Galicia. A esta xornada asistiran de xeito presencial representantes de máis de 70 empresas e máis dun cento de entidades a seguiron por streaming.
Aldeas Intelixentes, é como dixemos un plan da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural que persegue obter solucións innovadoras para impulsar a recuperación dos núcleos rurais. Dito doutro xeito: búscase contribuír a unha Galicia non urbana intelixente, proporcionando ferramentas ás aldeas que permitan “aproveitar as súas potencialidades” a través de catro liñas básicas: desenvolvemento de servizos dixitais rurais; solucións tecnolóxicas para a bioeconomía en aldeas; sustentabilidade e economía circular da produción agraria en aldeas modelo e melloras no núcleo rural das aldeas modelo.
Unha vez pechada esta solicitude, a principios de 2022 realizarase unha segunda petición de participación da Consulta Preliminar ao Mercado co fin de identificar necesidades específicas, definir os casos de uso e establecer aplicacións concretas para fixar o alcance de Aldeas Intelixentes.

PUBLICIDADE