O Pazo de Mariñán acolle unha xornada sobre as tecnoloxías de xestión máis acaidas para os nosos empresarios

venres, 12 de decembro do 2014 Redacción

O vindeiro mércores 17, a partir das 17:00 horas, a Factoría de Innovación da Coruña celebrará no Pazo de Mariñán de Bergondo (A Coruña) un encontro directamente encamiñado a acurtar distancias entre os nosos empresarios e as ferramentas actualmente dispoñíbeis que máis poden facer pola optimización da súa actividade. A xornada Aprovéitate da tecnoloxía... veu para quedar, ten por obxectivo dar a coñecer as últimas tendencias que se están a integrar na contorna empresarial e analizar distintas estratexias e técnicas para a mellora dos resultados. O evento constará de tres relatorios xerais e tres mesas redondas que se converterán en espazos para que os asistentes aprendan novos conceptos e compartan as súas inquietudes e experiencias.
A inscrición nesta sesión, así como en todas as actividades organizadas pola Factoría de Innovación da Coruña, é de balde. Os interesados deben rexistrarse a través da páxina web da Factoría ou enviando un correo electrónico a fdi_acoruna@eoi.es.

Programa da xornada
16:45h. Rexistro de asistentes e presentación da xornada
17:00h. Solucións que che axudan a que te adiques ao importante e o que che gusta
Mariem Filgueira. Factoría de Innovación da Coruña.
17:30h. Xestión do negocio, con que ferramentas conto? ERP, CRM ou cousas máis sinxelas? Como escoller o que máis beneficia?
Carlos Alfonso. Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG)
18:00h. Quero ter unha APP propia, que teño que facer?
Pablo Rodiz. Enxine
18:30h. Pausa
19:00h. A miña estratexia on-line baséase na miña web
María Regueiro. Asubía
19:30h. Hoxe saio de aquí tecnolóxico: 3 ferramentas necesarias, a cargo da Factoría de Innovación da Coruña
20:00h. Proxecto Parnet-TIC 2: novas tecnoloxías, emprego e medio ambiente
Óscar Blanco. Técnico de Parnet-TIC 2
20:00 h. Remate da xornada.

PUBLICIDADE