O Pazo de Arenaza celebra a semana dos freelancers con xornadas de portas abertas e un evento este venres (3+1)

xoves, 19 de outubro do 2023 S. P.

Con motivo da semana European Freelancers Week o espazo de coworking do Pazo de Arenaza (Oleiros, A Coruña) organiza o evento 3+1 aprendizaxes para freelancers, no que tres relatoras especializadas achegarán cadansúas experiencias e aprendizaxes sobre a contorna do traballo autónomo e independente e o ámbito empresarial free. Trátase de Tania Prego Bravo, socia directora en Ártica Agencia Creativa, que explicará a súa viaxe de freelancer á axencia; Leandro Menéndez, podcaster en Babel Infinito e creador de contidos en Mumbler, que amosará unha perspectiva empresarial da creación de podcasts; e Ana Belén Muñiz Vera, xestora de empresa e formadora, dará as claves de cotizacións dos autónomos.
Durante o evento as persoas asistentes compartirán un café de networking e terán ocasión de debater en conxunto sobre a xestión do tempo como freelancer.
O evento celebrarase de forma presencial no coworking do Pazo de Arenaza, Iñás, s/n, 15171 Oleiros, e será retransmitido en liña.
As inscricións para calquera das dúas modalidades deberán realizarse na web do evento.
Open Coworking
Esta semana celébrase a European Freelancers Week, que procura poñer en valor o tecido autónomo europeo con eventos por todo o continente. Estas xornadas buscan crear conexións e colaboracións, así como dar luz a problemas e posíbeis solucións do sector dos autónomos. O Pazo de Arenaza en colaboración con AJE Coruña, participará neste evento a través dun Open Coworking ao longo de toda a semana e do evento 3+1 aprendizaxes para freelancers este 20 de outubro
O Open Coworking permitirá a calquera persoa usar un módulo de traballo no Pazo de Arenaza do 16 ao 20 de outubro. O único requisito para poder participar é inscribirse na súa páxina web, xa que as prazas son limitadas.
O Pazo de Arenaza forma parte da Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña e a través destas iniciativas pretende xerar sinerxías entre o tecido empresarial da contorna e das persoas emprendedoras que están a desenvolver os seus proxectos neste centro, especializado en arquitectura, urbanismo e empresas de base tecnolóxica.
Podemos ver máis datos sobre estas actividades na web do Pazo de Arenaza.

PUBLICIDADE