O Pavillón de Batalláns acollerá o vindeiro 16 de novembro a I Feira Festalent

xoves, 2 de novembro do 2023 S. P.

O Campus de Ferrol acolleu este xoves 2 de novembro a presentación da I Feira de Empresas e Talento Festalent, que terá lugar no Pavillón de Batallóns e nas instalacións do Campus Industrial o vindeiro xoves 16 de novembro. Será unha cita para achegar a licenciados e estudantes á realidade empresarial da nosa terra, tendendo pontes firmes entre un ámbito e outro (pontes de emprego e e de contratación) e atendendo a diversos sectores, entre eles o tecnolóxico.
Na cita participou a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández, o tenente de alcalde e concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Fondos Europeos, Participación e Atención Cidadá, Organización Interna e Contratación do Concello de Ferrol, Javier Díaz Mosquera, e a directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares Pernas.
Movilla Fernández aproveitou a súa intervención para agradecer o apoio do Concello de Ferrol e da Armada para a posta en marcha desta iniciativa así como o soporte ofrecido polo resto de empresas e entidades patrocinadoras como son Gabadi, Grupo JRilo, Detegasa, Grupo Intaf, El Pulpo, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña (COETICOR) e a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME). Do mesmo xeito, resaltou a oportunidade que esta feira lle ofrece ao alumnado egresado e aos estudantes dos últimos cursos de grao ou de mestrado do Campus Industrial de Ferrol “permitíndolles amosar todas as súas potencialidades así como a oportunidade de coñecer máis de preto a realidade do mercado laboral máis inmediata”.
Tamén salientou que I Feira de Empresas e Talento Festalent está aberta á participación do alumnado dos ciclos medios e superiores de Formación Profesional da Comarca de Ferrolterra.
Tal e como explicou a directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares Pernas, no Pavillón de Batallóns situarase a zona expositiva na que terán cabida máis de 40 postos informativos de empresas e institucións da Comarca de Ferrolterra e doutros puntos da xeografía galega. Do mesmo xeito, nunha zona anexa a este espazo, terán lugar as entrevistas rápidas entre o persoal dos departamentos de Recursos Humanos ou Captación de Talento e o alumnado universitario e de ciclos medios e superiores de formación profesional inscrito na feira. O obxectivo é, segundo a propia Ana Ares Pernas, “establecer encontros de non máis de 10 minutos de duración entre o tecido empresarial e as persoas interesadas o que lles permitirá presentar as súas candidaturas nun tempo récord e optimizar de xeito significativo os procesos de selección”.
De xeito paralelo, a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e o Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, acollerán preto de 30 conferencias nas que participaran boa parte das firmas e institucións que sumaron a esta I Festalent. Nesta ocasión, tal e como explicou Pernas, “a finalidade non é outra que darlles voz para que poidan explicar ao público participante como é o seu día a día, que perfís demandan ou cales son as oportunidades reais para desenvolver unha carreira profesional nesa empresa ou institución”.
A maiores, o programa da feira inclúe unha xornada de orientación e asesoramento previa, prevista para o xoves 9 de novembro, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, e na que o persoal do Servizo de Emprego da Universidade da Coruña explicará con detalle como preparar e mellorar un currículo vitae, como afrontar unha entrevista de traballo ou mesmo como elaborar unha presentación de éxito.

PUBLICIDADE