O Parlamento aproba a proposta do PSOE para blindar en ciberseguridade ás pemes e aos concellos

xoves, 24 de febreiro do 2022 S. P.

O Parlamento de Galicia vén de aprobar a iniciativa socialista para urxir ao Goberno galego a tomar medidas en materia de ciberseguridade para pemes e pequenos concellos. O apoio formalizouse este xoves 24 de febreiro na Comisión de Industria do Parlamento, onde os tres grupos votaron por unanimidade tres puntos da proposición non de lei cuxo texto foi transaccionado entre os grupos.
“As taxas de ciberdelincuencia disparáronse ata o 71% no ano 2021 en Galicia”, alertou a parlamentaria socialista Leticia Gallego, salientando que as pemes son “as grandes expostas á desprotección”, ao igual que os pequenos concellos, xa que “non teñen capacidade para xestionar axeitadamente este asunto”, cousa que adquire cotas máis preocupantes que temos en conta que “un de cada catro delitos cometidos o pasado ano foron estafas cometidas con medios telemáticos”.
Gallego dixo que un dos principais da Administración autonómica é “chegar a cidadanía, ao tecido empresarial das pemes e aos pequenos concellos”, así como “cubrir a falla de profesionais e técnicos con experiencia que padece actualmente o sector”. Con todo, a socialista destacou que é necesario “formar á cidadanía en xeral”, xa que este “é un problema que temos como sociedade e é o noso deber como representantes do pobo poñer todos os medios posibles para que o seu impacto na cidadanía sexa o menor posíbel”.
Gallego instou á Xunta a elaborar medidas en ciberseguridade para pemes galegas e pequenos concellos ante unha “desprotección real” fronte a ciberdelicuencia. Ademais, pediu incorporar na Estratexia Galega de Ciberseguridade plans de formación “contando co tecido empresarial e coas universidades”, así como a sensibilizar na Educación Secundaria sobre as saídas laboral do sector.
Texto aprobado por unanimidade pola Cámara
O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:
1. Elaborar medidas en ciberseguridade para as pemes galegas en colaboración coas diferentes Administracións responsables con capacidade e competencias para facer fronte a ciberdelicuencia.
2. Elaborar medidas en ciberseguridade para os pequenos concellos en colaboración coas diferentes Administracións responsables con capacidade e competencias para facer fronte a ciberdelicuencia.
3. Incorporar na Estratexia Galega de Ciberseguridade plans de formación contando co tecido empresarial e coas universidades e sensibilizar na educación secundaria sobre as saídas laborais en ciberseguridade.

PUBLICIDADE