O Palacete das Mendoza ábrese á cidadanía para mostrar a súa fonda transformación tecnolóxica

martes, 14 de febreiro do 2023 S. P.

Esta semana comezou con máis novidades arredor do Palacete das Mendoza, en Pontevedra, do que falamos a finais de 2022 en Código Cero para salientar a importante transformación tecnolóxica da que foi obxecto da man da Deputación. Este luns 13 de febreiro a institución provincial que preside Carmela Silva deu máis detalles sobre o proceso de dixitalización do inmóbel, coincidindo coa súa apertura á cidadanía en xeral, na que mostrou “a súa faciana máis innovadora e accesíbel”, segundo destacou a presidenta, que engadiu que “entrar pola porta do Palacete das Mendoza é botar a vista atrás cara á Pontevedra de principios do século XX grazas á tecnoloxía do XXI empregada na gran transformación levada a cabo pola Deputación na sede de Turismo Rías Baixas”.
As visitas veñen de comezar con representantes de empresas e asociacións turísticas, como o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, a xerenta da Ruta do Viño Rías Baixas, Lorena Varela, o presidente de Hoempo, Daniel Lorenzo, a responsábel das Rías Baixas de APIT Galicia, Soledad Chayán, ou a directora do Parador de Pontevedra, Meritxell Marcos, así como os directores e directoras dos medios de comunicación da cidade de Pontevedra, que puideron probar en directo os diferentes elementos interactivos, como as lentes de Realidade Virtual, instalados no marco do proxecto europeo Tourist Inside. Ao longo do mes de febreiro, estas visitas ábrense a colectivos e asociacións da provincia interesadas en coñecer a reforma integral deste espazo solicitándoo a través do correo electrónico turismoriasbaixas@depo.es
Máis remodelacións tecnolóxicas
Grazas a Tourist Inside, que conta cun orzamento de 1,9 millóns de euros e está financiado ao 60% por Red.es con fondos FEDER, a Deputación, amais da transformación acometida no Palacete das Mendoza, remodelou outras 11 oficinas que no momento no que se puxo en marcha o proxecto formaban parte da Rede Info Rías Baixas. Nestes momentos, a Rede está integrada por 33 oficinas. Amais, Silva anunciou que xa se está traballando para dar continuidade e reformar desta maneira “as que quedaron fóra na primeira convocatoria”.
A transformación do Palacete
Carmela Silva lembrou que este proxecto de transformación foi concibido “como unha experiencia inmersiva dividida en catro zonas: un xardín, unha sala inmersiva, un espazo de Realidade Virtual e un espazo holográfico”, é dicir, “está dotado de todas as últimas tecnoloxías, con elementos audiovisuais que permitan ata crear rutas que a xente vai ter no seu móbil, é dicir, un cambio transcendental”.
O xardín do inmóbel, logo das melloras realizadas, constitúe espazo tematizado que recrea os xardíns do Palacete durante a vida das irmás Mendoza, con mobiliario, elementos de información (pantallas e soportes de pantalla táctil) e un sistema de aromaterapia “para vivir sensacións”, asegurou a presidenta provincial.
Pola súa banda, a sala inmersiva 270º, situada ao fondo tralo mostrador, é unha área de proxeccións onde se mostran contidos envolventes. Está totalmente tematizada na época na que viviron as irmás Mendoza (co emprego de vinilos, lámpada de época e estores automáticos) e dispón dun grande equipamento tecnolóxico con máis de 33 m2 de pantallas de proxección.
Na ala esquerda do palacete atópase o espazo de Realidade Virtual 360º, no que as persoas visitantes pódense mergullar en 7 salas que recrean os salóns das irmás Mendoza a finais do século XIX empregando gafas de RV controladas por joysticks. O espazo tamén está tematizado fisicamente con mobiliario ambientado na época.
O cuarto espazo é unha estancia holográfica na que un equipo de holografía amosa unha gravación que recrea as irmás como donas do Palacete en distintos contextos da súa vida.
Ademais. o proxecto Tourist Inside tamén incluíu a dotación de numerosos elementos tecnolóxicos para facilitar unha información flexíbel e adaptada ás persoas usuarias no Palacete das Mendoza. Salienta a mesa interactiva, con pantalla de 65 polgadas, multitáctil e a proba de golpes de derrame de líquidos, con deseño accesíbel. A través dun mapa interactivo, as persoas visitantes poden gardar recursos turísticos e a mesa crea automaticamente unha ruta que poderán enviar ao seu correo electrónico. Tamén foi habilitado un videowall, no fondo do espazo central, a modo de grande escaparate virtual da provincia. Está configurado con 16 monitores multipantalla, de 55 polgadas cada un. Amais, traballouse no portal web e nunha aplicación móbil e instaláronse dúas tabletas con soporte de pé nas que se recollerá o retorno da experiencia con enquisas de satisfacción.

PUBLICIDADE