O Pacto Dixital de Galicia xa conta co apoio de Vodafone

martes, 4 de marzo do 2014 Redacción

Vodafone España -da man do seu presidente, Francisco Román- e Alberto Núñez Feijoo -presidente da Xunta de Galicia- asinaban hoxe a adhesión da compañía de telecomunicacións ao Pacto Dixital de Galicia. Con esta unión, son xa 11 as empresas que se comprometen a investir en Galicia de cara a convertela en eixo tecnolóxico de referencia. As compañías asinantes (HP, Indra, Telefónica, Everis, Tecnocom, Iecisa, Satec, Televés, R, Altia, Coremain e o Clúster TIC Galicia) e o Goberno autonómico asumen un decálogo de compromisos. Entre estas promesas figuran a de colaborar de xeito activo na captación de financiamento en programas como o Horizonte 2020 para o desenvolvemento de novas liñas de negocio e novos produtos en Galicia. Apostar polo rural galego coa extensión de tecnoloxía de nova xeración; apoiar aos emprendedores dixitais de Galicia e participar activamente como mecenas dixitais promovendo actuacións que capaciten á cidadanía.
Amais disto irase á procura da vontade de garantir (mediante un programa de bolsas) a achega ao mercado laboral de universitarios e estudantes de Formación Profesional Obrigatoria do eido tecnolóxico.
Emporiso, na xornada de hoxe, Vodafone manifestou a súa aposta por impulsar o desenvolvemento do sector das telecomunicacións con Galicia, completando o despregamento de infraestruturas de última xeración nas grandes cidades, dando continuidade á introdución de banda larga móbil a poboacións menores de mil habitantes, e desenvolvendo iniciativas de carácter social a través da Fundación Vodafone España.
É preciso salientar que no devandito acordo, Vodafone comprometeuse a dotar de cobertura 4G (antes do 31 de marzo) ás 7 grandes cidades de Galicia: Santiago de Compostela, Pontevedra, Lugo, Ourense, Ferrol, A Coruña e Vigo, un despregamento que suporá un investimento en rede na comunidade galega de 55 millóns de euros en 2014. Outra das propostas é o despregamento de FTTH (fibra óptica até o fogar) que incluirá tamén as principais capitais galegas, comezando por Vigo. Alén disto, Vodafone España sumará o seu apoio de maneira especial ao turismo galego cun investimento adicional de 15 millóns de euros, encamiñados a reforzar as infraestruturas de rede en costas e interior o vindeiro verán. E na vertente social (ligada ao desenvolvemento dixital), a Fundación Vodafone mantén unha colaboración estreita con institucións e organizacións galegas co obxectivo de fomentar a investigación e o uso das novas tecnoloxías para a integración social e laboral dos grupos en risco de exclusión. Exemplos diso son as colaboracións con institucións como a Universidade de Vigo, a asociación COGAMI ou a Cruz Vermella en proxectos de teleasistencia ou os programas de formación e dixitalización de maiores, que xa formaron a máis de 3.000 alumnas e alumnos.
En canto ao Goberno galego, dicir que se compromete a elaborar a Lei de desenvolvemento dixital para a transformación de Galicia cara a unha economía baseada no coñecemento. Ademais, garante que capacitará os cidadáns para que poidan integrarse na contorna dixital e que impulsará grandes proxectos tractores de innovación tecnolóxica nos sectores produtivos estratéxicos para Galicia, apostando por convocatorias de financiamento de grandes proxectos que permitirán captar fondos europeos.

PUBLICIDADE