O PSOE quere aproveitar as posibilidades da Internet na súa campaña electoral

martes, 27 de novembro do 2007 Marcus Fernández

José Blanco, secretario de Organización do PSOE, presentou onte a nova páxina web do candidato socialista á presidencia do Goberno de España, José Luis Rodríguez Zapatero, dende a que convidan ós cidadáns a participar na elaboración do seu programa electoral. A web de campaña tamén permite achegar preguntas ó candidato e ó seu equipo, que recibirán resposta dende a mesma web.

José Blanco durante a presentación de Lamiradapositiva.es

O novo espazo non será o único que empregará o PSOE para promocionar a súa candidatura, senón que aproveitarán distintas canles na internet coma PSOE TV, YouTube, Flickr e Facebook, de xeito que pretende tirar o maior proveito posible destas plataformas tan populares entre os mozos, para pescar así votos entre un electorado máis indeciso e propenso á abstención electoral.
Dende La Mirada Positiva poderase atopar toda a información sobre as eleccións, o candidato socialista, o partido, o programa e a campaña electoral, facilitándose a comunicación entre o PSOE e os cidadáns.
Blanco tamén confía na acción dunha rede composta por máis de 50.000 voluntarios ciberprogresistas que axuden a difundir os valores da formación socialista valéndose da Internet.

PUBLICIDADE