O PSOE anúnciase a través de Spotify

martes, 19 de maio do 2009 Marcus Fernández

Os políticos están a ter cada día máis en conta os novos medios á hora de difundir a súa mensaxe, e así coma Barack H. Obama insería anuncios no xogo Burnout Paradise o pasado outono, agora o PSOE está a levar á aplicación de reprodución musical Spotify 4 banners e un jingle explicativo, de xeito que os usuarios que non pagan pola subscrición deste servizo recibirán as mensaxes publicitarias do Partido Socialista de cara aos comicios europeos.

Spotify en dispositivos móbiles

Pero esta non é a única nova relativa a Spotify nos últimos días, senón que tamén está a falarse moito da posible versión móbil deste servizo que ofrece un volume moi importante de música para a súa reprodución de xeito legal, que finalmente quedaría fóra do alcance dos usuarios de balde do servizo, e só os subscritores (que pagan 9,99 euros/mes) poderían acceder ao mesmo dende o iPhone e outros trebellos para os que adapten esta plataforma (que podería chegar pronto aos móbiles intelixentes de Nokia e aos terminais con Android). Incluso podemos ver un vídeo sobre cómo sería o funcionamento da versión para o iPhone de Spotify, dando a coñecer unha interface de uso moi ben integrada no dispositivo de Apple:

PUBLICIDADE