O PSOE acada a unanimidade do Parlamento para esixir á Xunta medidas contra a ciberdelincuencia

mércores, 16 de marzo do 2022 S. P.

O Parlamento de Galicia aprobou este 16 de marzo, por unanimidade, a iniciativa do PSdG na que se lle reclama á Xunta que “adopte medidas para loitar contra a ciberdelincuencia”. A deputada socialista Paloma Castro defendeu esta proposta na Comisión Institucional do Parlamento, onde alertou “do preocupante aumento deste tipo de delitos”, emporiso demandou que o Goberno galego “siga a avanzar na modernización do país para axudar ás persoas a adaptarse aos tempos coa necesaria protección que debe dar unha administración pública”.
Na proposta á que se lle vén de dar o voto favorábel solicítaselle á Xunta que “leve campañas dirixidas á cidadanía para informar e concienciar sobre a importancia da ciberseguridade, alertar das condutas que poidan ser sospeitosas deste tipo de estafas e para mellorar as capacidades no uso da tecnoloxía dixital”.
En palabras de Paloma Castro, “estender a cultura da prevención é fundamental para evitar que sigan a aumentar estes delitos”. Neste senso, cualificou de “necesario” artellar campañas divulgativas, en colaboración con sectores mediáticos, “que teñan como finalidade informar, promover e difundir”.
Na mesma liña, Castro tamén reivindicou un servizo de asesoramento para as persoas ou entidades que sofren esta situación ou subvencionar cursos de formación para actualizar os coñecementos de avogados e avogadas sobre as distintas modalidades delitiva a través das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
Paloma Castro explicou que as medidas do Goberno da Xunta para loitar contra a ciberdelincuencia “non poden limitarse a protexer á administración pública dos posíbeis ciberataques coa instalación de programas máis seguros, senón que tamén teñen que protexer á cidadanía”. Nesta liña incidiu en que “non queremos que o Goberno galego asuma competencias impropias senón que nos conformamos con que asuma as que lle corresponden, tal e como fan comunidades como A Rioxa, Aragón, Andalucía e Cataluña”, comentou.

PUBLICIDADE