O PPdeG reclama a liberación do espectro radioeléctrico para destinalo á mellora de Internet no rural

luns, 28 de decembro do 2009 Raquel Noya

Logo de que, a comezos deste mes de decembro, o BNG presentara unha iniciativa no Congreso para que Internet chegase aos concellos galegos pequenos a través da telefonía 4G e da tecnoloxía WIMAX, o PPdeG non quere ser menos pedindo conexión para a nosa terra e tamén vén de instar á Xunta a que lle pida ao goberno español que “libere o espectro radioeléctrico para destinalo á creación de redes de banda ancha no rural”.
Trátase dunha proposición non de lei, presentada por Pablo Cobián, voceiro de Novas Tecnoloxías que pretende, entre outras cousas, “que as empresas de telecomunicacións cumpran as súas obrigas e atendan as necesidades reais de cobertura”.
A iniciativa considera, segundo afiromou Cobián, que as compañías “deben atender as necesidades reais de cobertura da cidadanía e non respondan só a criterios meramente de beneficio empresarial".
Deste xeito, o texto inclúe a obriga de que esas empresas repercutan parte dos seus beneficios implantando infraestruturas no país.
Por outra banda, Cobián apunta que esas firmas, sometidas ao control estatal, "destinan os seus recursos ás zonas urbanas, eludindo facilmente os seus compromisos de cobertura no rural”.
A proposición solicita, asemade, que Galicia poida participar, na elaboración dos pregos de cláusulas administrativas dos concursos así como na mesa de adxudicación das concesións, o que permitirá, segundo palabras do voceiro do PPdeG, "incrementar a competencia, estimular a economía galega, xerar postos de traballo e facilitar que Galiza dispoña de novas e mellores redes de telecomunicacións móbiles para o desenvolvemento económico”.

PUBLICIDADE