O PP estrea rede social na Internet

martes, 5 de maio do 2009 Marcus Fernández

O Partido Popular quere potenciar a súa presenza na web de cara aos comicios europeos, polo que presentaron unha nova páxina web no círculo de Bellas Artes de Madrid, nun acto ao que asistiron Mariano Rajoy, presidente do Partido Popular; María Dolores de Cospedal, secretaria xeral do PP; Esteban González Pons, vicesecretario de Comunicación; Jaime Mayor Oreja, cabeza de lista ao Parlamento Europeo; Esperanza Aguirre, presidenta da Comunidade de Madrid; e Nacho Uriarte, presidente de Nuevas Generaciones.
Pero a formación popular non se conforma con lavar a cara do seu espazo na Internet, senón que tamén decidiron seguir os pasos do PSOE e estrean unha rede social propia baixo o dominio de Internet popular.es, que actualmente xa supera os 1.300 perfís de usuario (entre os que están dende Mariano Rajoy ata Ana Mato) e pretende mobilizar aos militantes e mellorar a comunicación cos cidadáns, aínda que está aberta a calquera persoa interesada en participar.
Este novo espazo potenciará os vídeos, as fotografías e os blogs; e dende o PP pensan na posibilidade de que neste ámbito xurda algúns «novos líderes dixitais».

PUBLICIDADE