O Office para iPad supera os 12 millóns de descargas

venres, 4 de abril do 2014 Marcus Fernández

A estrea do Microsoft Office para iPad parece estar a ser recibida moito mellor do que cabería agardar, e dende Microsoft xa están a celebrar que nunha semana as aplicacións de Word, Excel, PowerPoint e OneNote tería superado os 12 millóns de descargas na App Store. O éxito é patente con só entrar na aplicación da App Store, xa que Word, Excel e PowerPoint ocupan os tres primeiros postos entre as aplicacións de balde.
Haberá que ver cantas destas descargas se traducen en subscricións a Office 365 para poder editar documentos dende o iPad, pero polo momento Microsoft está a demostrar a elevada demanda que ten o seu paquete ofimático en dispositivos móbiles pese a chegar moi tarde e contar con numerosas alternativas a prezos moi reducidos.

PUBLICIDADE