O Office móbil manterase de balde para equipos con pantallas cativas

xoves, 16 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Nas últimas hora Microsoft finalizou o seu vindeiro sistema operativo, Windows 10, para poder distribuír copias entre os fabricantes de hardware antes do lanzamento oficial o vindeiro día 29, e de cara a tal data tamén detallaron informacións como que o novo navegador (Microsoft Edge) está a superar en rendemento a Chrome ou a política de comercialización que van seguir con Office, que lembra bastante á de Windows 10, ou sexa, que combinará licenzas de balde con licenzas de pagamento.
Deste xeito, Microsoft confirma que a versión móbil de Office, coas aplicacións máis importantes (Word, Excel e PowerPoint) vai poder descargarse e empregarse totalmente de balde para equipos e dispositivos con pantallas de menos de 10,1 polgadas, mentres que para equipos con pantallas grandes será preciso contar cunha subscrición a Office 365 para poder gozar das aplicacións ofimáticas. Tamén lembran que a versión web da suite (Office Online) continúa a ser de balde e que a aplicación OneNote estará incluída en Windows 10 como aplicación universal.

PUBLICIDADE