O Observatorio da Industria Aeroespacial localizará novas oportunidades para o noso sector dron

mércores, 18 de xaneiro do 2023 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, avanzou este mércores 18 de xaneiro detalles relevantes sobre o Observatorio da Industria Aeroespacial, un instrumento de análise e divulgación que será clave, nas súas palabras, “para a evolución do sector e para identificar novas oportunidades no segmento dos sistemas non tripulados”. Tamén será unha importante ferramenta para achegar coñecemento experto e estudos científicos sobre os eidos da aeronáutica e o aeroespacial. Argerey fixo estas declaracións na clausura da asemblea xeral extraordinaria do Consorcio Aeronáutico Gallego (CAG), entidade impulsora do Observatorio xunto con GAIN.
Argerey avanzou que os primeiros estudos realizados polo Observatorio están a piques de ser publicados e centraranse no financiamento da I+D+i no sector dos vehículos non tripulados, a análise da cadea de valor do sector e a súa integración noutras cadeas de valor nacionais e internacionais, os instrumentos de apoio á internacionalización ou o diagnóstico da creación de empresas aeroespaciais en España e en Galicia. O Observatorio tamén está a traballar no informe de contas anuais do sector.
Na súa intervención, a directora incidiu nas capacidades das nosas empresas e centros de coñecemento e convidou aos socios tecnolóxicos da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia -como Airbus, que estivo presente na asemblea- a incorporar ás súas cadeas de valor todo o potencial que ofrecen as entidades galegas.
Do mesmo xeito, fixo un chamamento ás empresas para que “aproveiten os próximos cinco anos da iniciativa para incorporarse ás cadeas de subministración destas multinacionais, poñan en valor o seu traballo e a súa tecnoloxía, e se transformen en colaboradores destas compañías, non só para o ecosistema dos vehículos non tripulados, senón tamén para outros programas, segmentos e actividades”.
Patricia Argerey salientou tamén a capacidade de atracción de investimentos do Polo Aeroespacial de Galicia e sinalou que un proxecto no que participa a iniciativa da Xunta “foi un dos once seleccionados polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital na convocatoria do programa de Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (Retech)”. Este proxecto para a optimización das cadeas de valor en sectores estratéxicos, dixo, está orientado a fomentar a aplicación da Intelixencia Artificial nas industrias. Participan, ademais de Galicia, Euskadi e Madrid. A directora de GAIN anunciou asemade que no marco do financiamento obtido no Retech a Xunta de Galicia lanzará un programa de axudas para o fomento da Compra Privada de Innovación no segmento dos vehículos non tripulados. A través desta iniciativa, apoiaranse aquelas entidades galegas que desenvolven produtos ou servizos, compartindo o risco coa industria compradora.
Ademais deste novo programa, a directora lembrou as actuacións en marcha no Polo Aeroespacial de Galicia. Segundo recordou, está aberto un proceso de licitación, cun orzamento de 4 M€, para o desenvolvemento dunha infraestrutura 5G e de ciberseguridade que completará os equipamentos do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) e as súas capacidades para a realización de ensaios con sistemas non tripulados. Tamén están en proceso de desenvolvemento cinco novos proxectos adxudicados recentemente para a creación de novas solucións con vehículos non tripulados aéreos e mariños que se prevé estean incorporadas nos servizos públicos da Xunta nun prazo dun ano.
Babcock, Telespazio e un consorcio integrado pola peme galega Aeromedia, por Indra e polo Instituto Tecnolóxico de Galicia son os adxudicatarios destes contratos cos que a Xunta despregará solucións con sistemas non tripulados que, sinalou Argerey, “redundarán de forma directa en servizos como o transporte sanitario urxente, a monitoraxe de zonas forestais, a vixilancia e a inspección marisqueira e pesqueira, a localización de persoas extraviadas e a análise das poboacións de semente de mexillón”.

PUBLICIDADE