O Observatorio Oceanográfico de Toralla achega aos internautas todo tipo de datos sobre o mar

venres, 19 de xullo do 2013 Redacción

A ECIMAT (Estación das Ciencias Mariñas de Toralla) vén de inaugurar unha estación meteorolóxica que permite o control en tempo real de diferentes variábeis: trátase dun Observatorio Oceanográfico que recompila datos xerais como a temperatura do aire e da auga ou a velocidade do vento, pasando por cuestións como a pureza ou a velocidade da corrente, a salinidade, o PH ou a concentración de clorofila e de osíxeno. O dito Observatorio atópase instalado no peirao da ECIMAT e púxose en marcha grazas ao financiamento da Convocatoria de Axudas para a Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas do SUG. Cómpre subliñar que este servizo achega os datos obtidos cunha frecuencia de dez minutos, actualizándose vía web e poñéndose ao servizo da sociedade en xeral.
Entre os beneficiados hai un amplo abano de destinatarios: desde os usuarios das praias -que poden consultar a temperatura da auga en tempo real-, até os pescadores e mergulladores que poden coñecer as correntes e o grao de visibilidade da auga, e os practicantes de deportes como o windsurf ou kitesurf, que poderán acceder aos datos vinculados aos ventos locais que se rexistren no mesmo intre da consulta.
Asemade, esta estación permite tamén á comunidade científica dispor dun rexistro das variables medidas dispoñible na páxina da ECIMAT.
Por último, dicir que esta estación está dirixida polo Grupo de Oceanografía Física da Universidade de Vigo (GOFUVI), un grupo de investigadores que traballan en tarefas de oceanografía operacional desde o ano 2005 e que contribuíu á posta en marcha de diferentes plataformas oceanográficas de envío de datos en tempo real, entre os que salienta un sistema de radar en alta frecuencia, pioneiro en España, e varias boias oceanográficas e de calidade da auga, tamén en zonas interiores como as rías e na plataforma continental.

PUBLICIDADE