O Obelisco acolle a partir deste xoves unha carpa informativa sobre Coruña Smart City

mércores, 10 de setembro do 2014 Redacción

Seguimos dando conta de novidades relacionadas con Coruña Smart City, a iniciativa do Concello coruñés para converter a cidade galega nunha urbe conectada. Se onte falabamos dos vídeos achegados para informar das vantaxes que terá para a veciñanza residir nun espazo urbano destas características (aforros de tempo nas súas operacións diarias, máis eAdministración, máis posibilidade de comunicárense en liña, etc), agora os responsábeis da iniciativa queren dar un novo paso en materia de promoción da mesma, e fano instalando unha carpa no Obelisco dende o xoves 11 até o domingo 14. Dende este punto de información faranse “percorridos tecnolóxicos, interactivos e amenos” pola listaxe de beneficios que pon en xogo Coruña Smart City.
Como dixemos, a carpa estará situada no Obelisco desde o xoves 11 até o domingo 14, en horario continuado desde as 10.30 até as 21.00 horas. Dentro da mesma, engade ao Concello máis en detalle, “ofrecerase aos cidadáns contido interactivo para que coñezan a transformación da Coruña nunha cidade intelixente; cal é o estado e a dimensión do proxecto Coruña Smart City e que vantaxes obterán os coruñeses ao vivir nunha cidade intelixente”.
O interior da instalación foi deseñado como “unha especie de museo”, incluíndo a presenza de diferentes pantallas para amosar o proxecto desde cero e profundar tamén en información “máis técnica e relevante”. Entre as novidades que ofrecerá a carpa o Concello salienta a posibilidade de ver A Coruña en 3D en tempo real grazas ao visualizador da plataforma eVidens, un dos proxectos desenvolvidos ao abeiro de Coruña Smart City. No visualizador os visitantes poderán obter datos sobre mobilidade, medio ambiente, infraestruturas ou turismo, entre outros moitos. Tamén se ofrecerá información sobre as áreas nas que traballan os 14 pilotos (auga, educación, enerxía, medio ambiente, mobilidade, lecer e turismo, servizos e vivenda), cales son eses 14 proxectos pilotos “e como a tecnoloxía aplicada aos servizos poderá mellorar a calidade de vida dos cidadáns”, conclúen os responsábeis do proxecto.

PUBLICIDADE