O OSIMGA mellora a súa páxina web

venres, 2 de setembro do 2011 Redacción

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, vén de anovar a súa presenza en Internet, actuación que forma parte das iniciativas impulsadas pola Axenda Dixital 2014.gal da Xunta de Galicia.
Conforme á planificación aprobada no segundo Pleno do OSIMGA, celebrado o día 2 de marzo de 2011, o Observatorio acometeu unha serie de melloras estruturais na súa sede web co obxectivo de optimizar a navegabilidade e accesibilidade de todos os seus contidos, ofrecendo ademais unha imaxe renovada.
Entre as melloras de accesibilidade cabe salientar a implementación do sistema de voz na web que permite suprimir algunhas barreiras mediante a lectura automatizada, achegando a información e os servizos do OSIMGA ás persoas, cuxa discapacidade (visual, psíquica...) ou mesmo a súa preparación non lles permite a lectura e comprensión de textos longos.
A nova páxina web do OSIMGA incorpora un completo redeseño, cunha estrutura máis funcional que aporta maior visibilidade aos contidos e as ferramentas dispoñibles. Entre as novidades neste capítulo cabe salientar a presenza dunha nube de tags baixo o epígrafe de OSIMGA en palabras, novos e atractivos destaques para as estatísticas e os documentos propios do Observatorio, unha nova axenda e a versión mellorada do boletín electrónico que semanalmente reciben máis de 1700 subscritores en liña.
En canto á xestión dos contidos, hai que salientar a implementación no CMS do Observatorio do sistema Vixía, desenvolvido pola Unidade Vixilancia e Transferencia Tecnolóxica do CIS Galicia, unha ferramenta que vai servir de apoio á redacción web do OSIMGA para a selección de Titulares na Rede.
A web, realizada en código aberto, é a principal ferramenta de difusión pública das actividades realizadas polo OSIMGA como dispositivo de xestión, información e vixilancia especializada e unha referencia experta no seu ámbito.
Con estas melloras e a recente integración de novas canles 2.0 a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica dá un novo paso no camiño cara un modelo de administración aberta (Open Government), unha Administración na que priman as relacións cos cidadáns e o contacto directo con eles, facéndose máis transparente, participativa e colaborativa.
A xestión desta web corresponde ao OSIMGA, no marco das tarefas de xestión encomendadas pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica á Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

PUBLICIDADE