O Nokia Lumia 520 convértese no móbil con Windows Phone máis vendido

luns, 15 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Cota do mercado mundial de Windows Phone por terminais

Mentres Nokia continúa a querer captar a atención dos medios con smartphones con cámaras únicas, parece que a aposta por terminais a prezos axustados está a dar os seus froitos, e datos de AdDuplex indican que o Lumia 920 xa non é o móbil estrela de Nokia, senón que é o moito máis modesto Lumia 520 o que está a trunfar en vendas a nivel mundial, conseguindo ser o móbil con Windows Phone máis vendido do mundo, cunha cota de mercado do 13,3% que en países como a India chega incluso ao 31,3%.
O crecemento da penetración do Lumia 520 está a ser moi rápido, pois hai un mes aínda estaba nun 5º posto, e agora que o seu fabricante consegue colocar suficientes unidades á venda consolídase o seu éxito, baseado en ofrecer unha mellor experiencia de uso que smartphones con Android no mesmo rango de prezo (lembremos que compañías como Tuenti ofréceno libre por 149 euros, mentres que en Amazon.es véndeno por 159 euros).
Os datos de AdDuplex tamén serven para confirmar que Windows Phone 8 conseguiu suceder a Windows Phone 7.x (chegando ao 61% dos terminais con Windows Phone) e Nokia convértese no fabricante de referencia co 85,4% dos móbiles con Windows Phone 8 (seguido polo moi inferior 11,5% de HTC, o 2% de Samsung e o 1,1% de Huawei).

PUBLICIDADE