O Nokia 5800 XpressMusic será máis caro do anunciado

xoves, 6 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Hoxe apareceu temporalmente na web de Nokia o seu terminal 5800 XpressMusic para a súa reserva en cor azul ou vermella por 429 euros, o que está moi lonxe dos 279 euros que aseguraba a compañía que custaría libre este terminal que combina reprodución multimedia, GPS, navegación web e moitas outras características máis propios de terminais de alta gama (categoría na que non se agardaba que entrase este móbil).
Agora Nokia confirma o novo prezo do móbil (que se comezará a vender o 1 de decembro en España por parte de Movistar, aínda que a un prezo por confirmar neste caso, xa que incluiría subvención da operadora) anunciando que para compensar a suba de prezo se incluirá tamén un saldo de 100 euros para mercar cancións na Nokia Music Store, o que deberá aclarar detalladamente a compañía posto que anunciara que o móbil permitiría o acceso ilimitado de balde ao catálogo de tal tenda electrónica durante todo un ano no que se deu en chamar Comes With Music.
Con estas incógnitas no aire non sobra lembrar que o móbil de Nokia ten unha pantalla táctil panorámica de 3,2 polgadas cunha resolución de 640 x 360 píxeles, cámara de 3,2 Mpíxeles con dobre flash LED, Wi-Fi, conectividade UMTS/HSDPA, aGPS con Nokia Maps e navegación guiada por voz, lector de tarxetas microSD (incluíndo unha tarxeta de 8 Gb de serie), Bluetooth 2.0 e mesmo navegación web con soporte de Flash, ou sexa, que o seu prezo parece máis que xustificado, pero parece difícil de xustificar que a empresa finlandesa anunciase un prezo moi inferior ao que terá finalmente o terminal, e un incremento de prezo do 54% con respecto do anunciado supón unha perda de credibilidade que podería afectar moi negativamente á compañía (xa que crearon unhas expectativas que agora os consumidores ven frustradas). Agardemos que nos vindeiros días se manifesten publicamente sobre o asunto.

PUBLICIDADE