O Nobel Ei-ichi Negishi falará o xoves 26 en Santiago sobre as claves dun mundo sostible

xoves, 19 de abril do 2012 Redacción

Santiago contará a vindeira semana coa presenza do Premio Nobel de Química 2010, Ei-ichi Negishi. A visita insírese dentro do Programa Conciencia, da Universidade de Santiago e o Consorcio, coa colaboración da Fundación Cidade da Cultura (sede do seu relatorio Catálise para un mundo próspero e sostible, o xoves 26 de abril a partir das 20.00 horas). A entrada para asistirmos á intervención de Negishi será libre e contará con servizo de tradución simultánea.
Ei-ichi Negishi, da Universidade estadounidense de Purdue, acadou en 2010 o Nobel de Química e os achados abríronlle as portas a múltiples vieiros de actividade industrial, agrícola ou médica. A súa arquitectura salienta pola súa complexidade e polo potencial para mellorar, de xeito asombroso, a eficacia química orgánica sintética.
Programa ConCiencia
O obxectivo de ConCiencia, programa iniciado en marzo de 2006 co científico suízo e Premio Nobel de Física en 1986 Heinrich Rohrer, é difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que propicia o intercambio de coñecementos entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresaíntes do ámbito científico internacional. A presenza en Compostela das máis eminentes personalidades da Física, a Química, as Matemáticas ou a Medicina -nestes seis pasados anos vinte Premios Nobel, dous Premios Abel e un Turing- débese en gran medida aos vencellos existentes entre o cadro de investigadores da USC e estes persoeiros.

PUBLICIDADE