O Nexus One comeza a recibir a actualización a Android 2.2

luns, 24 de maio do 2010 Marcus Fernández

A pasada semana Google anunciou as prestacións que ía achegar o sistema operativo móbil Android 2.2 Froyo, anunciando despois que chegaría ao Nexus One «en poucas semanas», o que finalmente concretouse en días, de xeito que durante a pasada fin de semana liberouse a actualización automática para os usuarios norteamericanos, mentres que en Europa, pese a non estar aínda dispoñible oficialmente o Froyo, a instalación manual da actualización de Android parece funcionar perfectamente, abrindo así a posibilidade de correr Flash 10.1 no móbil, o que agradecen moitos (aínda que poida prexudicar a fluidez das páxinas web por supor unha carga importante para o procesador e a memoria do terminal).
Pero o Nexus One non vai ser o único terminal que vai gozar de Android 2.2, senón que durante o verán agárdase que Froyo chegue ao Motorola Milestone e ao HTC Desire (para este último terminal incluso coméntase que podería chegar a actualización o 23 de xuño); pero dende HTC xa confirmaron que a meirande parte dos seus terminais con Android comercializados durante o presente ano van contar coa correspondente actualización do seu sistema operativo, para poder aproveitar así as moitas melloras que achega, tanto a nivel de rendemento coma de prestacións.

PUBLICIDADE