O Museo do Pobo Galego achega estimulación cognitiva para maiores a través da Rede

mércores, 23 de setembro do 2020 S. P.

O Departamento de Educación e Acción Cultural do Museo do Pobo Galego vai organizar a vindeira semana, o mércores 30, un curso de balde e en liña para a estimulación cognitiva das persoas maiores a través de recursos e contidos de patrimonio e folclore da nosa terra. Asemade, servirá para pór en práctica a guía Activando a memoria desde o Museo do Pobo Galego. O folclore como recurso na estimulación cognitiva que o DEAC elaborou xunto coa asociación AGADEA no ano 2016.
Neste curso online, impartido por Beatriz Rey (terapeuta ocupacional e enfermeira) e Carme Campo (educadora do Museo do Pobo Galego), ambas coautoras da guía, explicarán a organización e funcionamento deste manual a través de diferentes exercicios prácticos.
Como dixemos, a guía inclúe prácticas que traballan a estimulación de persoas con deterioro cognitivo con recursos do folclore (como o baile, a música, a oralidade ou as celebracións tradicionais).
O curso, que se vai desenvolver de 19.00 a 20.00 horas, está dirixido principalmente a familiares con persoas con diferentes grados de demencia e alzhéimer ao seu cargo; para terapeutas ocupacionais, estudantes do ámbito sociosanitario e persoas que traballen en envellecemento activo.
Para asistir en liña ao curso na plataforma Zoom será preciso inscribirse no correo electrónico do DEAC: servizosdeac@museodopobo.gal, unha vez anotado enviarase máis información sobre os contidos e a forma de acceso ao mesmo. Toda a información da actividade formativa está dispoñíbel nun PDF específico da web do Museo do Pobo Galego.

PUBLICIDADE