O Museo de Belas Artes da Coruña mostra como mellorar a experiencia dos visitantes con novas tecnoloxías

mércores, 24 de novembro do 2021 S. P.

Esta mañá inauguráronse na Coruña as Xornadas sobre Museos e Tecnoloxía, que se desenvolven até mañá no Museo de Belas Artes organizadas por este centro artístico e promovidas pola Xunta. Na cita participou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, amais de 22 profesionais procedentes de distintos recantos de Galicia e de España, así como de México e dos Estados Unidos de América, abordando os usos tecnolóxicos nos espazos museísticos para as máis de 450 persoas inscritas, 80 de xeito presencial e 380 en liña, moitas delas de países latinoamericanos.
Lorenzo destacou na inauguración o obxectivo das xornadas (analizar o uso e a implantación das novas ferramentas no ámbito dos museos) e as diferentes temáticas abordadas. Así, na primeira xornada abordaranse cuestións como o uso tecnolóxico na xestión interna dos museos ao servizo dos ámbitos da conservación, do estudo das coleccións e da dixitalización. Tocaranse tamén nesta recta inicial do evento temáticas como a importancia de contar cunha estratexia dixital, o concepto de open data e as posibilidades de xestión e promoción que ofrecen a sensórica e a Intelixencia Artificial.
Na segunda xornada afondarase na experiencia dos usuarios. Trataranse o uso educativo dos xogos, a Realidade Virtual, as experiencias co arquivo dixital e os proxectos de gamificación, entre outras propostas.
As intervencións do encontro corren a cargo de persoas expertas en ámbitos como a conservación de museos, as novas tecnoloxías e as telecomunicacións. Participan tamén catedráticos de universidade que desenvolven o seu labor académico neste tema desde diferentes áreas, como a enxeñaría, a arquitectura, a arqueoloxía, a historia da arte, a comunicación ou as matemáticas.
Canto ao perfil das persoas inscritas, vai desde profesionais de museos e da xestión cultural, a técnicos de empresas privada ou estudantes de museoloxía.

PUBLICIDADE