O Movimento pola Defesa da Língua anova a súa presenza en Internet

luns, 12 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

O Movimento de Defesa da Língua (MDL) xa ten nova presenza na Web, máis completa e, sobre todo, máis orientada a tirarlle rendemento ás posibilidades da nova Internet, esa na que o internauta ou usuario xa non fica calado e inmóbil como un mero receptor de datos. A nova face en liña do colectivo MDL levoulles ós seus responsables tres meses de “árduo trabalho” e nela, ademais de información sobre as campañas e actividades da plataforma, poderemos atopar os seus comunicados, galería de fotos e un espiqueiro que servirá como”armazém arejado de portas abertas em que incluiremos todo o material (antigo e futuro)”, segundo comentan os propios responsables.
Tamén se están a pór en marcha unha sección de humor, información sobre as propostas da Coordenadora Galega de Roteiros, datos completos sobre o Festival Em Movimento e máis unha sección na que os usuarios das redes poderemos dar a coñecer ó mundo todo tipo de queixas sobre experiencias persoais (ou non) de discriminación lingüística e social. Cómpre sinalar que o Movimento de Defesa da Língua (MDL) é un colectivo nado en 1995 que traballa a prol da lingua e a cultura galega.

PUBLICIDADE