O Mobile World Congress anuncia medidas por mor do coronavirus

mércores, 5 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

A alarma creada por mor da epidemia de coronavirus en Wuhan está a efectar ao Mobile World Congress de Barcelona, até o punto de que a organización tivo que realizar un comunicado anunciando a toma de medidas para evitar mitigar a posibilidade de espallamento do virus.
Durante o Mobile World Congress incrementaron as medidas de limpeza e desinfección nos puntos sensibles (área de cátering, pasamáns, cuartos de aseo, entradas e saídas, pantallas táctiles...), incrementaron a atención médica no recinto, realizarán unha campaña informativa presencial e en liña, terán a disposición do público material desinfectante, formarán ao persoal sobre medidas preventivas a adoptar, advertirán aos exhibidores da necesidade de medias hixiénicas e tamén comunicaranse ao respecto con establecementos públicos da cidade de Barcelona. Adicionalmente tamén instalarán paneis informativos con recomendacións de hixiene, establecerán un protocolo de cambio de micrófonos para os relatores no congreso e instarán aos asistentes a non saudarse dando a man.

LG non acudirá ao MWC

Estas medidas buscarían tranquilizar aos asistentes para que non acontezan máis casos como o de LG Electronics, compañía que anunciou que decidiu non acudir ao Mobile World Congress de Barcelona para velar pola seguridade dos seus empregados, socios e clientes, optando por organizar un evento de seu máis adiante para anunciar os seus produtos móbiles para 2020.
A decisión de LG podería lerse como un manifesto do pouco peso que ten actualmente a división de móbiles dentro da compañía surcoreana, xa que actualmente a súa presenza no mercado é residual, como tamén acontece con fabricantes como HTC e Sony, que non souberon reaccionar ás demandas do mercado e, moi especialmente, á competencia chinesa.

ZTE si acudirá a Barcelona

Pese a que nun principio comentouse que ZTE non acudiría a esta edición do Mobile World Congress por mor do coronavirus, a compañía chinesa comunicou hoxe mesmo que participará no encontro para amosar ao público os seus avances na tecnoloxía 5G.
Estamos ante un ano no que a 5G vai comezar a súa popularización, polo que é crucial que as compañías do sector tomen posicións, de aí que a ausencia en Barcelona podería ter graves repercusións para ZTE, empresa chinesa que estableceu todo un protocolo para decidir os empregados da China que acudirán a Barcelona, comprobando se teñen algún tipo de síntoma antes de viaxar a Barcelona e incluso mantendo aos seus altos executivos en corentena en Europa antes do Mobile World Congress. Tamén prometen medidas hixiénicas nos seus expositores e procurarán que o persoal que atenda o seu espazo estea principalmente en Europa (e veñan todos de fóra de China).

PUBLICIDADE