O Ministerio de Industria da conta dos resultados obtidos co seu Préstamo TIC

luns, 26 de xaneiro do 2009 Raquel Noya

Segundo datos ofrecidos recentemente polo Ministerio de Industria, xa son máis de 100.000 as empresas que se beneficiaron dos empréstamos ao cero por cento de interese postos en marcha en 2006 pola devandita entidade para a adquisición de equipamento TIC e conexión a banda larga.
En concreto, a finais do ano 2008, os empréstamos as empresas mobilizaron, segundo os responsables da promoción, máis de 1.087 millóns de euros, o que permitiu que ao longo do período 2006-2008 se beneficiaran un total de 100.545 entidades; isto supón un importe medio de financiamento por empresa superior aos 10.800 euros.
Por outra banda, no mesmo período os empréstamos a cidadáns mobilizaron 216,6 millóns de euros, cun total de 177.382 beneficiarios da axuda. Deste total, algo máis de 188 millóns de euros (156.225 préstamos) corresponden a axudas para cidadáns en xeral e 28,36 millóns (21.157) a axudas para a mocidade e universitarios.
Sumando as cifras de pequenas e medianas empresas e de cidadáns beneficiarios desta iniciativa, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, no marco do Plan Avanza, outorgou ata decembro de 2008, uns 280.000 empréstamos, cun financiamento de 1.303,7 millóns de euros.
O Préstamo TIC permítelle ás pequenas e medianas empresas acceder aos financiamentos a interese cero para a conexión á banda larga e o equipamento TIC (equipos físicos e aplicacións informáticas), cun importe máximo de 200.000 euros, renovables por anualidades.
As achegas de apoio de capital a cidadáns constitúen, por outra banda, “unha medida de especial transcendencia no marco dun dos obxectivos fundamentais do Plan Avanza”: o desenvolvemento do sector TIC e a adopción xeneralizada e intensiva destas tecnoloxías por parte de empresas e cidadáns.
O éxito do programa explícase, segundo as verbas dos principais responsables do mesmo, “tanto polas súas atractivas condicións como polo seu innovador mecanismo de xestión, que logrou a máxima dispoñibilidade e alcance para empresas e cidadáns”.
A liña de financiamento articúlase a través dun convenio de colaboración co Instituto de Crédito Oficial (ICO). A práctica totalidade das entidades de crédito adheriuse á liña e o listado completo pode consultarse premendo nesta ligazón.
Os interesados poden obter máis información sobre este tipo de empréstamos na web do Ministerio de Industria ou a través de Planavanza.es.
Asemade, existen dous números de teléfono aos que poden dirixirse, que son o 901 200 901 de atención telefónica do Ministerio de Industria e 900 121 121 de atención telefónico do ICO.

PUBLICIDADE