O Ministerio de Educación busca xeitos de achegarse á mocidade pola vía do YouTube

luns, 1 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

O Ministerio de Educación quere tirar partido dun dos servizos máis usados da Rede e que máis posibilidades de comunicación directa posúe: YouTube. A idea do devandito departamento do Goberno é semellante á dos moitos internautas que integran até o día de hoxe a comunidade de usuarios do servizo en liña: lanzar unha canle propia de seu e que lle sirva, neste caso concreto, para difundir os seus contidos en materia de educación, política social e deporte. Segundo EFE, o obxectivo do Ministerio con esta lanzadeira de vídeos (chamada Mepsyd) non é só poñerse na máxima consonancia coas institucións políticas europeas máis afianzadas na Internet senón mesmo situarse por diante.
De feito, é o primeiro organismo do Estado español que inaugura unha espazo propio nesta web, dende a que o Ministerio de Educación irá dando a coñecer (con periodicidade semanal) todo tipo de vídeos institucionais, formativos e espazos televisivos de índole didáctica. Amais disto, tratarase de tirar proveito das opcións de YouTube para crear rede social. Ou sexa, para que a comunicación non sexa dun único sentido: do Ministerio cara aos cidadáns. Baixo este proxecto atópase outra intención ben clara, que é a de achegarse aos colectivos máis novos procurando linguaxes coas que estean máis familiarizados, neste caso a da Web 2.0, da que YouTube é en certa medida un bo representante. Na imaxe, a ministra Mercedes Cabrera presentando a iniciativa en liña do Goberno dentro (precisamente) da iniciativa mesma.

PUBLICIDADE