O Ministerio de Economía concede o selo de empresa innovadora á galega Ipglobal

mércores, 6 de abril do 2016 Redacción

O Goberno de España, a través do Ministerio de Economía e Competitividade, vén de conceder á empresa galega Ipglobal o selo PEME Innovadora. Esta distinción, creada a finais do 2015, recoñece a capacidade dunha compañía para a creación e desenvolvemento de proxectos e produtos tecnolóxicos de vangarda así como “a súa firme aposta en materia de innovación”. Como lembraremos, Ipglobal é unha firma especializada no deseño e lanzamento de produtos e solucións propias para negocios dixitais. A día de hoxe, destina o 7% da súa facturación ao investimento en Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i). Este é, en palabras dos responsábeis da firma emprazada na Coruña, “un dos factores diferenciais de Ipglobal.
Segundo puidemos saber, para a dita concesión (unha distinción que só se entrega ás empresas estatais tecnoloxicamente máis avanzadas e con meirande capacidade de evolución) o Ministerio tivo en conta parámetros relacionados coa empregabilidade cualificada, a innovación, os recoñecementos e os resultados das actividades levadas a cabo pola firma galega no eido das novas tecnoloxías da información. A este respecto, a empresa lembra que se tiveron en conta, especialmente, as patentes da compañía (como Webphone, unha ferramenta click to call que fusiona Internet e telecomunicacións) así como produtos e modelos de negocio innovadores “que achegan un plus de valor e competitividade ás marcas”.

PUBLICIDADE