O Ministerio de Cultura xunta a expertos para analizar o fenómeno do libro electrónico

mércores, 16 de setembro do 2009 Marcus Fernández

O Papyre 6.1 é un dispositivo de lectura de e-books de fabricación española

Dentro do Observatorio da Lectura e o Libro creado en 2007 creouse un grupo de traballo sobre o libro electrónico que esta semana celebrou a súa primeira xuntanza, presidida polo director xeral do Libro, Arquivo e Bibliotecas, Rogelio Blanco, e formado por representantes do sector público e privado relacionados coa industria do libro, as novas tecnoloxías, o fomento da lectura, as bibliotecas e a investigación.
As xuntanzas pretenderán compartir coñecementos para a elaboración dun informe que achegue datos e extraia conclusións sobre a realidade e potencial do formato dixital para o libro, expóndose tamén outras cuestións coma os proxectos e adaptación da industria editorial, a utilización do libro electrónico no ensino e an investigación universitaria, os cambios na canle de distribución e a incidencia do novo formato nos hábitos de lectura dos españois.
A defensa dos dereitos de autor e as políticas da Administración dirixidas a iniciativas de dixitalización e comercialización do libro electrónico tamén serán temas a tratar.

PUBLICIDADE