O Ministerio de Cultura premia a 15 entidades pola súa loita contra a piratería

mércores, 11 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Este martes 10 celebráronse en Madrid as primeiras xornadas españolas sobre delitos contra a propiedade intelectual destinadas a policias locais. Os encontros foron inaugurados pola ministra de Cultura, Carmen Calvo, e máis polo ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba. As xornadas, que contaron co máis ca previsible apoio de entidades de xestión e de defensa dos dereitos de autor como SGAE, AGEDI, PROMUSICAE ou FAP (Federación para a Proteción da Propiedade Intelectual), foron organizadas polo Ministerio de Cultura na súa sede. O obxectivo consistiu en dar a coñecer ós responsables da lei en España cales son os procedementos penais nas infraccións contra a propiedade intelectual.
Ademais, tamén se premiou ás localidades e unidades policiais máis activos na loita contra a piratería.
No que se refire as primeiras, os concellos recoñecidos foron os de Madrid, Barcelona, León, Melilla e Castelldefels. Asemade, foron condecoradas as xefaturas de policía local de Madrid, Fuenlabrada, Granada, Alicante e Salou. Polo que se refire ós grupos especializados antipiratería, recibiron galardóns a Unidade Central de Seguridade da Policía Municipal de Madrid, a Unidade de Policía Administrativa e de Seguridade da Garda Urbana de Barcelona, o Grupo de Operacións Especiais da Policía Local de Valencia, o grupo fiscal da Unidade de Medio Ambiente da Policía Local de Sevilla e o Servicio de Información Local e Escoltas da Policía local de Salamanca.

PUBLICIDADE