O Messenger permite compartir fotografías panorámicas e en 360 graos

martes, 3 de abril do 2018 Marcus Fernández

O Messenger de Facebook permite compartir fotografías, vídeos, adhesivos e mesmo imaxes GIF animadas, e conscientes da necesidade de seguir apostando polo visual estrean agora a posibilidade de enviar fotografías en 360 graos e fotografías panorámicas, de xeito que se enviamos imaxes inmersivas será posible moverse por elas como xa se fai dende hai tempo en Facebook.
Pero non se limitaron a esta novidade, senón que a partires de agora tamén permite compartir vídeos de alta definición, de xeito que agora será posible que cando mandemos un vídeo gravado co noso móbil poidamos manter unha resolución de 720p, en vez de reducir a súa resolución para compartilo.
Estas novidades serán doadas de identificar no momento de subir os contidos ao Messenger, xa que agora os vídeos presentará unha etiqueta que indicará se están en SD ou HD, mentres que as imaxes panorámicas ou en 360 graos faranse notar cunha icona dunha esfera sobre as miniaturas das imaxes (e durante a súa visualización poderemos movernos polas mesmas cambiando a orientación do noso móbil ou deslizando o dedo pola pantalla).

PUBLICIDADE