O Messenger de Facebook non funcionará vía web no móbil
luns, 6 de xuño do 2016
Facebook
leva tempo potenciando a súa aplicación móbil de mensaxería e, aínda que
algunhas medidas anteriores como permitir que poida empregarse
unicamente co noso número de teléfono (sen ter que ter unha conta de
usuario en Facebook) resultaban ben recibidas, agora intérnanse nun camiño
menos cordial, xa que Facebook está a mudar o xeito de poder ler as mensaxes
intercambiadas en privado, eliminando a opción de poder consultalas vía web, e
obrigando a instalar Messenger para poder manter as conversas a través de
Facebook.
Nestes momentos, cando vemos Facebook.com no móbil, podemos picar na sección de
mensaxería, e apareceranos unha mensaxe informando de que “pronto só poderás
ver as túas mensaxes dende Messenger”, que podemos pechar para continuar a
empregar con normalidade a versión web do sistema de mensaxería, pero queda
claro que non haberá tal posibilidade en breve, o que está a levar a moitos
usuarios a protestar a través do comentarios da aplicación
de Messenger en Google Play, pero a motivación de Facebook resulta clara:
queren dominar o sector da mensaxería, polo que continúan a promover o
crecemento de WhatsApp e Messenger para facilitar así a súa futura monetización.