O Mes da Ciencia en Galego inclúe obradoiros nas bibliotecas sobre robótica e científicas da nosa terra

martes, 2 de novembro do 2021 S. P.

A ciencia e a tecnoloxía estarán especialmente presentes esta tempada nas Bibliotecas Autonómicas, co engadido extra de facelo na nosa lingua. Isto será posíbel grazas á iniciativa Mesa da Ciencia en Galego, que vén con 40 actividades para todos os públicos, con formato de obradoiros (sobre robótica, sobre científicas galegas ou sobre experimentación na cociña) e espectáculos de narración oral. Tamén haberá charlas e mostras bibliográficas con material divulgativo arredor da ciencia. A iniciativa foi dada coñecer este 2 de novembro polos secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García.
40 actividades
Os centros bibliotecarios xestionados pola Xunta van acoller ao longo de novembro preto de 40 actividades de divulgación científica enmarcadas na celebración do Mes da Ciencia en Galego nas bibliotecas. Na presentación, desenvolvida na Biblioteca Pública Ánxel Casal, participou tamén a autora do manifesto deste ano, Amparo Alonso Betanzos, enxeñeira química, investigadora en Intelixencia Artificial, presidenta da Asociación Española de Inteligencia Artificial, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña e investigadora do CITIC.
Alonso Betanzos convidou no seu texto a gozar das bibliotecas como espazos que garanten o acceso libre á información e ao coñecemento.
Na súa intervención, Anxo M. Lorenzo salientou “a extensa e variada programación organizada polas bibliotecas arredor deste programa dirixido sobre todo ao público infantil”, e puxo o foco no potencial dos centros bibliotecarios para aproximarnos ao coñecemento científico e tecnolóxico en galego, xa que “poñen á disposición da poboación numerosos recursos bibliográficos, audiovisuais e tecnolóxicos para consulta e préstamo, ademais dunha ampla oferta de actividades divulgativas e de animación á lectura”.
Pola súa banda, Valentín García destacou o labor que están a realizar os Equipos de Dinamización da Lingua Galega nos centros educativos para poñer en valor a ciencia e o galego na súa creación e divulgación, tamén coa colaboración das bibliotecas escolares. Neste sentido, referiuse ao recursos que proporcionan para potenciar a curiosidade e o interese dos máis novos pola ciencia, como xogos, vídeos ou experimentos.
A axencda ofrece actividades na Biblioteca de Galicia e nas Bibliotecas Públicas Miguel Ángel Garcés da Coruña, de Lugo, Nós de Ourense, Antonio Odriozola de Pontevedra, Ánxel Casal de Santiago e Juan Compañel de Vigo. Como dixemos, entre as propostas previstas inclúense obradoiros infantís de robótica, de física e química a través da cociña, de achegamento as figuras das científicas galegas Ánxeles Alvariño e Isabel Zendal e de xoguetes, “entre moitas outras”.
Para a cativada e público familiar haberá tamén obradoiros, contacontos e espectáculos teatralizados. Ademais, en todos os centros se disporán mostras bibliográficas con material de divulgación científica. As propostas comezan xa mañá e requiren inscrición previa. A información está dispoñíbel nas webs dos respectivos centros.
Bibliotecas escolares
No caso das bibliotecas escolares, promoverase o desenvolvemento de iniciativas relacionadas coa ciencia. Ademais, a asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería mantén un portal cunha selección de materiais sobre ciencia en galego, así como maletas viaxeiras que poden utilizar os centros de xeito temporal con temáticas arredor dos diferentes eidos científicos. Neste curso continúase coa actualización de contidos, engadindo publicacións recentes realizadas con perspectiva de xénero. Segundo se fixo saber no acto deste martes, o programa dispón tamén dunha escolma de libros de divulgación científica en galego como apoio ao alumnado nos seus traballos de investigación, que neste curso se reforzará cunha dotación extraordinaria en Secundaria. A isto súmaselle o proxecto Biblioteca Creativa, enmarcado no Plan Lía (Lectura, Información, Aprendizaxe), a prol da introdución dun espazo de creación e experimentación na biblioteca escolar, e o Concurso de traballos por proxectos, que inclúe a nova modalidade para proxectos realizados con metodoloxía científica.

PUBLICIDADE