O Mercado de Recimil de Ferrol acolle este sábado unha xeira de obradoiros tecnolóxicos

mércores, 23 de novembro do 2022 S. P.

O Concello de Ferrol continúa esta fin de semana co desenvolvemento do programa de dinamización Os nosos mercados dan vida. Alimentación saudábel e lugar de encontro, unha iniciativa que busca promover a actividade nos tres mercados municipais da cidade (Magdalena, Recimil e CaranzaI con actividades para o público familiar. A programación comezou nos tres establecementos a finais de outubro con motivo do Samaín e continúa este sábado, 26 de novembro, de 11 a 13 horas, no Mercado de Recimil, cunha sesión de obradoiros tecnolóxicos que incluirán robótica, drons e Realidade Virtual. Recoméndase reservar praza no WhatsApp 604 064 570.
Para decembro agárdase a visita de Papá Noel, o día 24, ás tres prazas. Entre os días 1 e 22 as familias poderán solicitar un diploma de bo comportamento e unha carta personalizados para as nenas e os nenos. O propio Papá Noel entregarallos o día 24. Os Reis Magos tamén chegarán aos mercados con diplomas e cartas (a data límite para solicitalos será o 29 de decembro). Entregaranos o martes 3 en Caranza, o mércores 4 en Recimil e o xoves 5 na Magdalena.

PUBLICIDADE