O Mercado de Pontevedra estreou tecnoloxía de control de capacidade con visualización en tempo real
martes, 8 de xuño do 2021
Os
accesos
principais do Mercado de Abastos de Pontevedra estrearon un innovador
sistema informático de control de capacidade con visualización en tempo
real. A Concellería de Promoción Económica que dirixe Yoya
Blanco destinou unha achega de máis de 7.000 euros á posta en
marcha desta tecnoloxía, que permite contabilizar persoas e que foi
instalada finalmente pola empresa Almas Industries. Proporcionará
unha precisión do 95%, sendo o seu principal obxectivo achegar unha
contorna “cen por cen segura”.
A
estrea do servizo, instalado como dixemos nos dous accesos principais
do recinto (os que dan ás rúas Serra e á avenida de Bos Aires)
formalizouse a semana pasada, o xoves 3 de xuño. O equipamento
inclúe cámaras con sensores, monitores de capacidade e un software
específico de xestión, proporcionando unha precisión do 95% e unha
área de detección de ata dous metros.
A
propia Yoya Blanco achegouse ao Mercado para supervisar o resultado
da instalación e comprobar o funcionamento desta “moderna
ferramenta, que permitirá cumprir estritamente con tódalas
restricións desta nova normalidade e converter a Praza nun espazo
absolutamente seguro, axudando a previr aglomeracións e achegando
moita tranquilidade a traballadores e clientes”.
E
engadiu a edil: “A través dos monitores instalados nas portas de
acceso podemos obter información do número de xente que hai no
interior e do número de persoas ás que está permitido o acceso en
función da capacidade (que nestes momentos é de 200 persoas)”.
Destacou
tamén que a tecnoloxía instalada inclúe un semáforo que se ocupa
de indicarnos se “podemos pasar ou non”, e así, cando está en
verde temos vía libre, e deberemos agardar cando está en vermello.
Asemade, “o sistema computa tamén o número total de saídas e
entradas que se produciron ao longo da xornada”, dixo.