O MUNCYT recibe unha peza do primeiro supercomputador do CESGA

venres, 12 de abril do 2013 Marcus Fernández

O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) recibiu hoxe unha peza do primeiro supercomputador máis grande de España instalado no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) en 1993 nun acto que tivo lugar no Salón de Actos do Museo no que o director da Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía e Industria, Manuel Varela Rei, e o director xerente do CESGA, Javier García Tobío, entregaron a peza ao director do MUNCYT, Ramón Núñez Centella.
O histórico equipo instalado en 1993 no CESGA era o superordenador monoprocesador vectorial Fujitsu VP2400, que no seu momento logrou colocarse no posto 146 das 500 máquinas máis potentes do mundo, sendo capaz de resolver 2.500 millóns de operacións por segundo. O equipo foi o primeiro superordenador instalado por Fujitsu en Europa e destacaba por ser capaz de operar con dous vectores de ata 2.048 elementos en dobre precisión. A súa frecuencia de reloxo era de 312,5 MHz e facía 8 operacións por ciclo.

A entrega da peza tivo lugar no Salón de Actos do MUNCYT

A súa CPU estaba refrixerada por un circuíto pechado de auga, contaba con 512 Mb de memoria SRAM, 1 Gb de memoria de estado sólido (SSU) e 15 Gb de disco. Abarcaba 75 metros cadrados, pesaba 7.986 quilos e disipaba 48,428 quilocalorías/hora. Empregouse nas instalacións do Centro de Supercomputación de Galicia entre os anos 1993 e 1998, empregándose para investigacións das universidades galegas e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Empregouse para desenvolver modelos e simulacións en múltiples disciplinas destacando o seu uso en temas relacionados coa química teórica ou a dinámica de fluídos.
A peza que o CESGA dona ao MUNCYT é un dos 4 módulos da CPU, unha placa de substrato vitrocerámico multicapa de altísima densidade (até 61 capas) sendo a primeira en empregar dito substrato a nivel mundial.

A peza cedida ao MUNCYT era un do móbilos da CPU do Fujitsu VP2400 instalado no CESGA en 1993

PUBLICIDADE