O Kindle DX non convence aos estudantes de Princeton

luns, 28 de setembro do 2009 Marcus Fernández

O Kindle DX é o dispositivo de lectura de libros electrónicos de Amazon orientado á lectura de prensa e para estudantes, e nesta última liña anunciouse durante o seu lanzamento un programa piloto co Universidade de Princeton no que pretende pórse a proba o uso deste dispositivo coma ferramenta académica, o que está a resultar peor do agardado se damos credibilidade á información publicada no The Daily Princetonian, medio para o que varios usuarios que probaron o Kindle DX para os seus estudos manifestaron que é incómodo de operar, cun sistema de anotacións realmente malo (algo que si melloran outros lectores de e-books que contan con pantalla táctil e stylus) e certos problemas inherentes a este tipo de dispositivos (coma o feito de que non existen números de páxina fixos, xa que os usuarios poden definir o tamaño de letra dos textos).
Estas manifestacións distan moito de ser unha conclusións de peso sobre o futuro dos lectores de e-books na docencia, pero deixan claro que aínda falta bastante para que este tipo de trebellos poida substituír definitivamente ao papel, soporte que continúa a ser máis cómodo.

PUBLICIDADE