O Intercéltico do Morrazo presenta nova web, un resumo de todas as xeracións do festival

xoves, 3 de xullo do 2014 Redacción

A trinta edición do Festival Intercéltico do Morrazo, que se desenvolverá os vindeiros 25 e 26 de xullo na vila costeira Moaña, vén de presentar a súa nova páxina web, intercelticomorrazo.com. Trátase, segundo a dirección técnica da mesma, dunha achega en liña “cun deseño coidado e limpo, onde predomina a cor verde, coa que se pretende informar e ser o lugar de encontro, non só deste 30 aniversario, senón de todas as xeracións do Intercéltico, o único que se leva facendo de xeito ininterrompido en Galicia”.
Segundo engadiron os responsábeis do seu desenvolvemento perante os medios, a web incorpora accesos aos espazos do festival nas redes sociais e unha sección de novas con información diaria (onde se dará conta en datas vindeiras das actividades complementarias do festival, do gañador do concurso de grupos noveis e os grupos que actuarán o venres e o sábado). De igual forma, existe un espazo de axenda, onde se establecerán os horarios das actuacións, ao igual que unha pestana coa localización exacta e outra co programa completo do certame.
Volvendo aos accesos ás redes sociais, amais de figuraren en portada, habilitouse un widget de Facebook para ver o número de seareiros da páxina e máis unha sección, Nube de son, que estará operativa unha vez se publique e coñeza o cartel do FIM2014, e onde se porá unha escolma musical dos grupos participantes.
No que se refire ao devandito concurso de grupos noveis, a responsábel da área de Cultura de Moaña, asegura “ter xa máis solicitudes có ano pasado, unhas vinte, procedentes de toda Galicia”, e lembra que o prazo para a presentación de candidaturas remata o día 6 de xullo, e que o grupo gañador darase a coñecer o día seguinte.

PUBLICIDADE