O Intercéltico do Morrazo estrea web

martes, 9 de xullo do 2013 Redacción

Non todo ía ser Ortigueira. Para os que estean cansos do histórico festival celta da vila coruñesa (esa macro-acampada, esas moreas de lixo resultantes) e queiran experimentar propostas diferentes, dicirlles que pola banda do Moaña temos os días vindeiros (26 e 27 de xullo) a edición 24ª do Festival Intercéltico do Morrazo, outro peso pesado dos nosos certames musicais atlánticos e que este ano, polo que nos toca en Código Cero, vén cunha serie de novidades tecnolóxicas a ter en conta. En primeiro lugar, unha nova páxina web dirixida toda ela a conectar coas novas xeracións e, polo tanto, a darlle un aire de renovación ao propio festival.
A web, sinxela e directa, artéllase en novidades, suxestións musicais para escoitarmos en liña, axenda de actividades (actuacións) e un apartado cos grupos que participan no festival, entre outras cousas. Compleméntase con vertentes ás redes sociais Facebook e Twitter, onde segundo sinalou a organización os días pasados, fíxose especial fincapé en materia de presenza e repercusión.

PUBLICIDADE