O ITG crea unha tecnoloxía para o aforro das comunidades enerxéticas

mércores, 14 de xuño do 2023 S. P.

O autoconsumo colectivo e a transición enerxética son factores que sitúan ao consumidor como protagonista da xestión. Conforme a isto, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) desenvolveu unha tecnoloxía que permitirá aos usuarios de Comunidades Enerxéticas Locais (CEL) aforros dun 10 a un 15% na súa factura enerxética. Mediante a creación dunha comunidade enerxética virtual e a xestión intelixente, e coa aplicación de algoritmos de Intelixencia Artificial, o ITG amosa que se pode optimizar a xestión da enerxía e predicir consumos.
Estas son algunhas das conclusións de AGERAR II, proxecto transfronteirizo, liderado por ITG, no que participan tamén o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) e o Instituto Nacional de Estadística y Geografía (INEGI), e cuxos resultados foron presentados na mañá de hoxe (mércores 14 de xuño) na sede de ITG, na Coruña.
O proxecto europeo AGERAR II (Almacenamiento y gestión de energías renovables en comunidades energéticas locales) ten como obxectivo promover modelos enerxéticos innovadores baseados no uso de tecnoloxía intelixente que axude a comunidades a decidir de xeito máis eficiente, promovendo un uso máis sustentábel dos recursos, con beneficios ambientais, económicos e de aforro enerxético.
Santiago Rodríguez Charlón (director de Enerxía en ITG), puxo como exemplo un polígono industrial, onde os propietarios das naves, comercios, etc poden decidir cando e como fornecer, consumir, almacenar e distribuír a enerxía renovábel que eles mesmos xeren. Para iso, os socios participantes en AGERAR II desenvolveron tres liñas de investigación: a dixitalización de comunidades enerxéticas locais, a avaliación de novas tecnoloxías de almacenamento (hidróxeno e SuperCondensadores Híbridos) e o desenvolvemento de algoritmos de Intelixencia Artificial.
Para este proxecto, ITG desenvolveu unha plataforma de xestión intelixente que combina as últimas tecnoloxías de Intelixencia Artificial e algoritmia para optimizar os parámetros enerxéticos e económicos das CEL. A través de sistemas preditivos, anticípase aos cambios na xeración e a demanda de enerxía e adapta a repartición enerxética entre os participantes da comunidade para maximizar o beneficio común.
Asemade, optimiza o uso de sistemas de almacenamento (baterías) e cargas non esenciais (vehículos eléctricos) mellorando a utilización dos devanditos sistemas e diminuíndo o custo enerxético global.
Outro dos desenvolvementos de ITG neste proxecto é a creación dunha Comunidade Enerxética Virtual, ou sexa: a recreación de modelos dixitais que representan elementos das CEL como plantas fotovoltaicas, baterías ou vehículos eléctricos, conformando unha Comunidade Enerxética Virtual.
Pola súa banda, INTA e INEGI investigaron a viabilidade técnica e económica do uso do hidróxeno nas comunidades enerxéticas. Isto permitiría reducir o posíbel desfasamento entre a produción e o consumo de enerxía nas comunidades de autoconsumo colectivo, aproveitando o excedente e converténdoo en hidróxeno renovábel, para ser reutilizado. Así, poderíase inxectar na rede de gas natural das CEL e xerar enerxía eléctrica empregando pilas de combustíbel, achegando enerxía limpa aos consumidores, combinando con outras renovábeis (solar fotovoltaica).
Dende INTA, avaliouse o uso da tecnoloxía dos SuperCondensadores Híbridos (SCH) nas Comunidades Enerxéticas Locais, coas vantaxes dos supercondensadores tradicionais, que ofrecen unha elevada potencia nun curto período de tempo, coa capacidade de almacenamento das baterías de litio, facéndoos idóneos para as comunidades enerxéticas.
As comunidades enerxéticas locais están a converterse nunha resposta eficiente e sustentábel aos desafíos enerxéticos. Son grupos de individuos, empresas ou institucións que se unen para xestionar e compartir recursos enerxéticos de maneira local. O seu obxectivo é promover a produción, distribución e consumo de enerxía renovábel a nivel comunitario, fomentando a autosuficiencia enerxética, a eficiencia e a redución de emisións. As CEL buscan situar ao cidadán no centro do ecosistema enerxético.

PUBLICIDADE