O ITG, GAIN e a UDC esperan ter o Galaxy-Lab operativo a finais de ano

luns, 18 de abril do 2022 S. P.

Este mes de marzo que deixamos atrás puidemos coñecer unha chea de detalles dun dos grandes proxectos da Cidade das TIC da Coruña: o laboratorio avanzado de Intelixencia Artificial aplicada aos drons Galaxy-Lab, impulsado polo Instituto Tecnolóxico de Galicia en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Universidade da Coruña. Segundo fixo saber o ITG na presentación, a iniciativa está chamada a situar a Galicia “como referente europeo en probas con sistemas aéreos non tripulados”. Prevese que estea operativo a finais deste ano, dando servizo ás empresas que precisen probar os seus sistemas de mobilidade aérea urbana para mercadorías ou para persoas. Proporcionaralles unha contorna controlada e seguro para os seus ensaios.
A execución público-privada de Galaxy-Lab suporá un investimento de 1.159.700 euros, dos que a Xunta de Galicia achega 579.850. Materializarase grazas á cesión dos terreos da Cidade das TIC (antiga Fábrica de Armas da Coruña) por parte da UDC.
Segundo se explicou na presentación, Galaxy-Lab constará por unha banda dun edificio de máis de 1.000 m2 dotado dun centro de control de voos; unha zona de voo indoor reconfigurable; un laboratorio electrónico; espazos para montaxe, test e verificación; un taller de mecanizado; áreas de impresión 3D e soldadura SMD e máis unha zona de deseño e desenvolvemento con postos de traballo de oficina, salas de reunións e almacén. Ademais, no exterior crearase unha gran gaiola de 15m de altura e 225 m2 de superficie cunha rede de seguridade que permitirá, segundo explicou o ITG, “realizar probas de voo exterior con maior axilidade e total seguridade”. Xunto a ela habilitarase un vertiporto para o despegue e aterraxe vertical de drons. Este equipamento de vangarda complementarase cun centro de operacións móbil nun vehículo adaptado que contará con sistemas de comunicacións, navegación, vixilancia e control, sistemas que permitan a operación remota de aparellos aéreos, unha estación de recarga de enerxía específica para drons, unha estación meteorolóxica de prestacións aeronáuticas e licenzas de servizos O-Space.
O ITG explicou que unha vez entre en funcionamento, Galaxy-Lab permitirá o despregue de sistemas e servizos O-Space para probar en voo aparellos “nun escenario urbano e suburbano realista”, onde se poderán probar efectos como por exemplo a perda de sinal GPS en espazos estreitos urbanos ou a perda de ligazón de comunicacións; o axuste de sistemas de xeoposicionamento, navegación e comunicacións (con presenza de edificios e outros obstáculos urbanos) ou a coordinación co espazo aéreo controlado real, entre outras situacións e escenarios.
Deste xeito, “Galaxy-Lab resultará de especial interese para aqueles operadores (empresas, centros tecnolóxicos ou universidades) que precisen realizar ensaios cos seus produtos de I+D ou ben para casos de uso previo a ser certificados ou operados de forma comercial”. En particular, este laboratorio avanzado de ITG permitirá facer ensaios temperáns, ou nas primeiras fases de desenvolvemento dun produto de I+D, favorecendo a redución dos tempos de desenvolvemento da I+D no ámbito dos UAVs

PUBLICIDADE