O INCIPIT culmina a súa instalación no Edificio Fontán

luns, 2 de maio do 2022 S. P.

O Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), culminou finalmente a súa instalación no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Nun comunicado sobre esta nova sede, o INCIPIT salienta o feito de contar con 2.400 metros cadrados postos a disposición do CSIC por parte da Xunta en virtude dun convenio que establece un aporte do CSIC de 2,4 millóns de euros polo uso deste espazo. Tamén destaca o feito que contará cun persoal estábel dunhas 55 persoas de diferentes perfís profesionais, ademais dunha nutrida nómina de colaboradores e asociados.
“Disporemos agora nesta sede con máis de 1.000 metros cadrados destinados a albergar infraestruturas científico-técnicas de nova planta, entre as que se contan laboratorios de arqueometría do patrimonio, tecnoloxías xeoespaciais, etnografía experimental, ciencia cidadá, un arqueoplanetario e cognición e materialidade. A sede está concibida para albergar con comodidade o traballo dun persoal total entre 90 e 110 persoas”, destaca Felipe Criado Boado, director do INCIPIT, engadindo que “a nova sede achega uns valores estéticos e funcionais que de seguro fomentarán o noso desenvolvemento”.
En total, o Fontán dispón de case 14.000 metros cadrados e alberga, ademais da sede do INCIPIT, a da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e o Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia. Acollerá tamén o Centro de Investigación Interuniversitario de Paisaxes Atlánticas Culturais. Conta, ademais, cun auditorio de 750 prazas e espazos para organización de eventos e congresos. O edificio Fontán foi promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia xunto á Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Foi deseñado polo arquitecto Andrés Perea en colaboración con Elena Suárez e Rafael Torrelo, aproveitando unha estrutura preexistente, o que abaratou a súa construción.
O INCIPIT reúne a especialistas de numerosos eidos da investigación, como antropoloxía, arqueoloxía, arquitectura, astrofísica, educación, filosofía, xeografía, historia, enxeñaría de software, ou lingüística. Ademais de en Galicia e España, o instituto desenvolve proxectos en moitos outros países, sobre todo de América do Sur e África Subsahariana.
Como instituto do CSIC, o INCIPIT non só realiza investigación, senón que tamén leva a cabo accións de formación, divulgación, e prestación de servizos especializados. Na actualidade, desenvolven o seu labor no seu seo unhas 60 persoas con diferentes perfís profesionais. O INCIPIT está a executar máis dunha vintena de proxectos de investigación financiados en convocatorias de concorrencia competitiva, entre os que destacan dous grants do European Research Council.

PUBLICIDADE