O III Encontro Nacional Fedit contará con 6 representantes galegos

luns, 12 de maio do 2008 Raquel Noya

Fedit, a organización que representa ós Centros Tecnolóxicos privados de España, vén de presentar o III Encontro Nacional Fedit de Centros Tecnolóxicos (III ENF) que terá lugar en Valencia os vindeiros días 18, 19 e 20 de xuño e que (igual que nas edicións anteriores) servirá como nexo de unión entre tecnólogos de todo o país para que estreiten lazos e interactúen entre si.
Este encontro, no que xa se inscribiron preto de 200 profesionais do país (un 15 por cento máis ca no pasado ano), tamén ten como obxectivo fomentar a cooperación e a colaboración entre o persoal investigador de sectores industriais e ámbitos xeográficos distintos para darlle pulo á I+D en España.
Da nosa Comunidade Autónoma achegaranse ao devandito encontro un total de 6 investigadores procedentes dos Centros Tecnolóxicos de A Coruña (ITG) e Pontevedra (ANFACO-CODESPA e AIMEN).
Este III ENF conta coa colaboración de distintos organismos e entidades que apoian o proxecto como o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, o Ministerio de Ciencia e Innovación, IMPIVA (Instituto da Mediana e Pequena Industria Valenciana), Fundación Vodafone España, AIMEN (Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste), IAT (Instituto Andaluz de Tecnoloxía) e REDIT (Rede de Institutos Tecnolóxicos da Comunitat Valenciana).

PUBLICIDADE