O IGADI remodela a súa presenza web na procura dun meirande dinamismo

luns, 25 de xuño do 2012 Redacción

O IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) vén de presentar nova feitura web, dirixida a reforzar os seus contidos e obxectivos (achegar opinión plural sobre o noso presente no mundo) a través dun deseño “máis dinámico”. Asemade, preténdese con esta remodelación acadar maior difusión do labor desenvolvido dende o Instituto e a súa contorna. A idea é manter a liña informativa amosada ao longo destes anos ao tempo que se renova. Así, seguirase adiante co compromiso a prol “da independencia e a reflexión” así como por impulsar internacionalmente a nosa terra, ao tempo que se aposta forte pola vinculación coas redes sociais.
Neste novo formato, informan as/os responsábeis do Instituto, poderase igualmente “apreciar a nosa Videoteca (IGADI TV), Audio (entrevistas radiofónicas), Arquivo Fotográfico e unha listaxe actualizada dos nosos analistas e colaboradores, así como acceder ás respectivas web do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, da Fundación Plácido Castro e do Observatorio de la Política China (OPCh), conservando ao mesmo tempo o arquivo da antiga web do IGADI e máis unha boa parte das seccións xa afianzadas”.

PUBLICIDADE