O IES de Curtis convoca o I Certame Escolar de Blogs

venres, 1 de marzo do 2013 Redacción

O Instituto de Educación Secundaria (IES) de Curtis vén de convocar o primeiro Certame Escolar de Blogs encamiñado a calquera membro do centro durante o curso 2012-2013. O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) deste instituto persegue con este certame recoñecer a importancia dos blogs como ferramenta didáctica e a súa utilidade para a motivación do alumnado, quere tamén fomentar o emprego activo das TIC e a creación de espazos positivos para a lingua, amais de aumentar o uso do galego na Rede, promocionar a nosa cultura, complementar a formación do alumando e potenciar a colaboración educativa entre pais, nais, profesorado e persoal non docente do IES de Curtis.
Emporiso, para elaborar unha bitácora en internet son precisos coñecementos polo que haberá unhas xornadas de formación para a creación de blogues que se levarán a cabo os días 6, 7 de marzo e 4 de abril, de 16:00 a 19:00h. Cómpre dicir que as prazas son limitadas, tendo preferencia os membros do ENDL e os matriculados en Ciclos Formativos, Bacharelato e PCPI.
Cales serán os requisitos para entrar a participar neste concurso? Pois basicamente empregar a lingua galega na redacción. En canto á temática, esta será libre, mais valorarase dun xeito especial os blogues que traten aspectos da cultura galega (música, literatura, arte, patrimonio, audiovisual, medioambiente, voluntariado, novas tecnoloxías, graffiti...).
O prazo de inscrición do concurso estará aberto entre os días 15 e 30 de marzo no blog Son de noso. Os traballos faranse públicos o 17 de maio -Día das Letras Galegas e da Internet- na mesma bitácora. Até ese intre os autores e autoras deberán actualizar o seu blog que terá que conter un mínimo de oito entradas.
O xurado do certame estará composto por membros do ENDL, profesorado de Informática do centro de Curtis e un blogueiro/a de moita sona. A súa valoración suporá un 60% da puntuación total, o 40% restante será outorgado pola comunidade virtual.
E que se valorará no blog en cuestión? Pois a calidade lingüística, o interese dos contidos, o deseño e orixinalidade, a inclusión de contidos propios, a actualización e número de entradas, os recursos e ligazóns de interese, as posibilidades que achegue o blog ou a participación e comunicación coa comunidade virtual.
Por último, engadir que o fallo farase público na primeira semana de xuño e o premio (un tablet) será entregado polo blogueiro/a convidado.


PUBLICIDADE