O IES Rosalía de Castro de Santiago convoca o V Premio Stephen Hawking

mércores, 9 de novembro do 2022 S. P.

A directora do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana, María Martinón

O IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela presentou os alicerces da quinta edición do Premio Stephen Hawking, recoñecemento ao talento investigador e divulgador no que poden participar todos os centros galegos de Bacharelato, dirixido especialmente aos que imparten a modalidade STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), que son arredor de medio cento en Galicia. Creatividade, Cooperación e Coñecemento é o lema escollido para orientar o desenvolvemento dos traballos. A directora do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana, María Martinón, será a madriña ou figura científica de referencia nesta quinta edición.
As liñas que poderían seguirse son a figura de María Martinón e a súa achega á investigación sobre a evolución humana, ou investigacións que permitan aplicar as ideas básicas que suxire o lema desta edición ás diferentes materias, tanto de carácter científico coma humanístico. Por tanto, tamén se poden presentar traballos de índole artística, ademais dos ámbitos da bioloxía e xeoloxía, da física e química, das matemáticas, do tecnolóxico e das ciencias sociais. Os coordinadores da convocatoria, Suso Fidalgo e Charo García-Echave, indican que o premio pretende fomentar nos xoves o afán por investigar desde idades temperás, así como as vocacións científicas.
A convocatoria contempla un primeiro premio, catro segundos e seis terceiros. No mes de marzo celebrarase o centro anfitrión a xornada de presentación pública dos traballos.

PUBLICIDADE