O IES Rosalía de Castro convoca a VI edición do Premio Stephen Hawking coordinado por Amparo Alonso

luns, 6 de novembro do 2023 S. P.

Amparo Alonso diante do CITIC nunha imaxe de Xurxo Lobato

A sexta edición do Premio Stephen Hawking do IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela xa está en marcha. Organizado en colaboración coa Xunta a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e co apoio de empresas e entidades como FINSA, Tenreira Gallega e Feiraco, este galardón ten como obxectivo difundir a cultura científica e estimular a vocación investigadora entre o alumnado de Bacharelato. Desta volta o certame terá como coordinadora a Amparo Alonso Betanzos (Vigo, 1961), catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña e investigadora do CITIC.
O dito concurso ábrese a todo o alumnado dos centros galegos, en especial aos que imparten o Bacharelato STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) e aos centros estatais que imparten o programa de Bacharelato Internacional. Poderase participar de maneira individual ou en grupos de non máis de 4 integrantes, baixo a supervisión dun profesor do centro ao que pertenzan. Os proxectos investigadores que se presenten han estar realizados ao abeiro dos cursos 2021-22, 2022-23 ou 2023- 2024.
As bases, que se poden consultar na ligazón específica habilitada, indican que as liñas de traballo que deberán seguir os proxectos concorrentes xirarán arredor de dous grandes eixos: a figura de Amparo Alonso Betanzos e a súa contribución á Intelixencia Artificial e as ideas básicas que suxire o lema desta edición do Premio: Intelixencias. Deste xeito, poderán concorrer proxectos vencellados aos campos da bioloxía e xeoloxía, da física e a química, das matemáticas, do ámbito tecnolóxico, das ciencias sociais ou traballos artísticos.
Recoméndase que os proxectos participantes estean adaptados en estrutura e contido aos parámetros dun traballo de investigación que puidese culminar nun artigo susceptíbel de ser publicado en revistas científicas. Os textos seguirán as pautas habituais das publicacións científicas.
O prazo de presentación remata o 1 de marzo de 2024. O 12 de abril daranse a coñecer os finalistas e o día 19 dese mesmo mes, realizarase unha exposición pública de cada traballo seleccionado como finalista ante o xurado no IES Plurilingüe Rosalía de Castro. A entrega dos galardóns será no Auditorio deste centro compostelán.

PUBLICIDADE