O Hub Audiovisual da Industria Cultural inclúe unha aposta firme polos videoxogos

venres, 10 de setembro do 2021 S. P.

O conselleiro Román Rodríguez nunha presentación celebrada recentemente

O sector dos videoxogos vai ter unha importante achega de enerxía extra na nosa terra, principalmente no ámbito das novas iniciativas de mercado postas en marcha por xente emprendedora. Este impulso vaise materializar a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural, posto en marcha oficialmente este 10 de setembro.
No arrinque da súa actividade, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, fixo saber ante o sector (as asociacións e as empresas audiovisuais galegas) que a iniciativa mobilizará unha inxección total de 9,6 millóns de euros até 2023 (a través do fondo FEDER e o eixo React-UE). De inicio suporá unha contía de 2 millóns.
En palabras do conselleiro, esta achega inicial supón o arranque dun “programa de apoio sen precedentes para acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do sector”.
Segundo engadiu, a posta en marcha da Galicia Film Comission, as subvencións para o desenvolvemento de grupos de proxectos, o polo de talento do sector audiovisual, o plan creativo e empresarial para videoxogos e un fondo transversal para o conxunto da industria cultural son algunhas das principais iniciativas que serán desenvolvidas proximamente ao abeiro do Hub.
Plan para os videoxogos
No caso do Plan de desenvolvemento creativo e empresarial dos videoxogos, a Xunta busca “dar resposta ao potencial do sector en Galicia” e “á necesidade de vertebrar este talento en diferentes áreas de actividade, apoiando tanto a guionización, produción e comercialización de videoxogos, como o desenvolvemento de software, especialmente no eido dos motores e micro-pagos”.
Ademais, o Hub Audiovisual suporá a creación da Galicia Film Comission, un proxecto que viña sendo demandado polo sector e que se materializará na activación dunha plataforma web con distintas utilidades, tanto para obter unha ampla información sobre a produción e rodaxe de obras audiovisuais en Galicia como para a realizacións de xestións en liña.
Amais, os profesionais emerxentes poderán coller impulso cun Polo de Talento do Sector Audiovisual, a través do que será artellado un paquete de medidas centradas especialmente en áreas como a creación, a guionización ou a dixitalización, co “obxectivo de mellorar as súas competencias técnicas e de promover novos enfoques na xestión e desenvolvemento das súas carreiras”.
O Hub Audiovisual da Industria Cultural contará, así mesmo, cun fondo transversal para o conxunto da industria cultural encamiñado a equipamentos e promoción de proxectos I+D+i.

PUBLICIDADE